Xoves. 09.05.2024
El tiempo

Oscar Insua pregunta no Parlamento polos "8 anos sen mover unha pedra da Autovía Costa da Morte"

Oscar Insua
Oscar Insua pregunta no Parlamento polos "8 anos sen mover unha pedra da Autovía Costa da Morte"

Oscar Insua vén de presentar varias iniciativas no Parlamento Galego, instando ao goberno galego a que licite xa as obras da autovía da Costa da Morte. O deputado do BNG na Costa da Morte pretende que a Xunta dea un impulso a “unha infraestrutura tan importante para a comarca e que o PP ten abandonada desde hai demasiados anos”

O representante do BNG da Costa da Morte na Cámara do Hórreo quere que o goberno galego aclare se vai a realizar o contrato para executar a fase da autovía AG-55 entre Salto e Berdoias e cantos quilómetros van a realizar cos 2 millóns de euros orzamentados, ademais de se está previsto incorporar no proxecto unha conexión co polígono industrial de Vimianzo para darlle un impulso definitivo ao seu desenvolvemento e facilitar o asentamento de máis empresas. 

Oscar Insua declarou que “o PP está acostumado a enganar sempre á xente, e teñó a impresión de que este ano non van facer nada do que prometeron en campaña, os votos xa llos deron e agora rinse de nós, mais non lle imos permitir que se burlen da Costa da Morte, e por dignidade, esixirémoslles no parlamento que liciten xa o tramo entre Berdoias e Salto”.

Así mesmo, o deputado nacionalista destacou que hai que clarexar en que momento a Xunta de Galiza vai a presentar o plan director de infraestruturas para coñecer o deseño e planificación da rede viaria galega, e remarca que no programa de goberno do Partido Popular aparece unha reseña que indica a dotación dun “plan director de infraestruturas para unha mobilidade sostible que guiará a ampliación e mellora da rede viaria autonómica, co impulso definitivo da vía de alta capacidade da Costa da Morte”.

Oito anos sen mover unha pedra na AG-55

Desde o BNG sinalan que, a día de hoxe, na plataforma de contratos públicos de Galiza, a Axencia Galega de Infraestruturas non iniciou ningún procedemento de licitación de contrato de obra pública para esta autovía AG-55. E indican que o último trazado finalizado e aberto aos usuarios da comarca foi de 27 quilómetros no ano 2016 entre Carballo e Salto (Zas), dos cales 25,5 quilómetros son de alta capacidade e 2,2 quilómetros de vía rápida. “Levamos por tanto, oito anos, dúas lexislaturas de gobernos do PP, sen construír un só metro desta vía de alta capacidade”, subliñan os nacionalistas.

NOVAS DA AUTOVÍA

Comentarios