Venres. 03.05.2024
El tiempo

A xinecóloga Carol axuda a crear a sexualidade do alumnado do IES de Baio

Xinecologa Carol Strate no IES de Baio
A xinecóloga Carol axuda a crear a sexualidade do alumnado do IES de Baio

Continúa o IES Maximino Romero de Lema recibindo visitas máis que interesantes e necesarias. Desta volta, foi a recoñecida sexóloga e xinecóloga Carol Strate (@alumbramujer) a que impartiu este venres senllos talleres de Educación Sexual Integral aos grupos de 1º BACH por unha banda e aos de 4º e 1ºFPB por outra.

Unha vez presentada, a especialista invitou ao alumnado a formar con ela un equipo de construción da sexualidade. A partir dunha chuvia de palabras que os e as participantes foron sinalando ante a mención da palabra sexualidade, explicou que a sexualidade non só é a súa faceta máis física ou biolóxica, senón que hai que sumarlle o aspecto psicolóxico/emocional e o aspecto social. A combinación dos tres ámbitos dará lugar a unha única maneira de vivir a sexualidade, distinta das demais. Introduciu conceptos como identidade de xénero, orientación sexual e expresión de xénero sinalando que debemos coñecer que existe esa diversidade para poder respectar e vivir en harmonía.

Como é innegable que o aspecto biolóxico é importante, detívose no funcionamento dos órganos sexuais de xeito moi práctico.

Tamén falou das normas e valores que rexen na sexualidade, centrándose nas tres erres: Respecto, Responsabilidade e Reciprocidade.

Xinecologa Carol Strate no IES de Baio

Ao longo do taller foi derrubando mitos e crenzas erróneas arredor do sexo. Como nos medios de comunicación, películas, Internet nos bombardean con mensaxes confusas, equivocadas sobre a sexualidade, e que de xeito inconsciente nos van educando, é fundamental desenvolver un pensamento crítico para detectalos e combatelos. Coma no caso da pornografía, que é toda ela unha ficción e que sumada ao feito dunha falta de educación sexual dá lugar a problema importante.

Tras a recomendacións de lecturas sobre o tema, rematou a súa intervención co mandato de que “constrúan unha sexualidade sa, con bos cimentos”. Por iso, dende o centro queren amosar o seu máis firme e sincero agradecemento a Carol Strate por facilitar as ferramentas necesarias para mellorar na dura tarefa de convivir en sociedade como cidadanía crítica, formada e informada.

Máis novas

Comentarios