Venres. 03.05.2024
El tiempo

O sorteo da Copa da Costa feminina, ou a busca do enfrontamento da RFGF e os clubs o Fútbol da Costa

  • Os clubs miran de reollo a polémica xerada co Bergantiños B
Silvia Cancela nunha das galas de QPC
Silvia Cancela nunha das galas de QPC
O sorteo da Copa da Costa feminina, ou a busca do enfrontamento da RFGF e os clubs o Fútbol da Costa

Celebrou esta mañá de sábado a Real Federación Galega de Fútbol o sorteo da IV Copa da Costa Feminina 2024. Un sorteo que viña marcado polas queixas de varios clubs, que consideraban a proposta de calendario unha “chambonada”.

E no canto de intentar achegar posturas, escoitar aos clubs e buscar consenso, o ente federativo buscou o enfrontamento. Así quedou claro tralo discurso de confrontación da Delegada de Santiago, Silvia Cancela, con alusións directas, pero sen dar nomes, a unha “páxina non oficial” ou aos que se consideran “abandeirados” do fútbol feminino pero critican polas redes sociais.

De “pataleta” tildaron varios responsables dos clubs costeiros o “discurso chabacano” da delegada, que lamentan a súa falta de altura de miras e a súa reincidencia na política de “comigo ou contra min”.

O grave asunto Bergantiños B

Grave erro cometido pola Federación co Bergantiños. Unha vez que o Bergantiños se decidiu a disputar a Copa Coruña (non foi sen tempo despois de gañar as 3 primeiras edicións moi sobradas, tendo en conta ademais que a base a xoga na Liga da Coruña), a RFGF invitou ao Bergan B a participar. Pero finalmente, a Federación dixo no sorteo que o Bergan B renunciara a participar para poder contar coas xogadoras do B para o primeiro equipo.

A reacción no cadro carballés estase xestando e esperan publicar algo nas súas redes sociais este luns, pois non é certo. O filial carballés non renunciou e de feito se enteirou de que non podía xogar no propio sorteo, provocando unha decepción tremenda nas xogadoras, que tiñan moita ilusión pola competición, por ser moitas xogadoras da nosa comarca, e que leva toda a temporada competindo na Liga da Costa.

A Federación, que parece descoñecer o seu propio regulamento, confirmáballe aos clubs que un club non pode competir en dúas competicións copeiras distintas, pero contou na reunión ante os clubs da Costa que o Bergantiños renunciara a participar, dicíndolle ademais ao Bergantiños que os equipos da Costa protestaran pola súa presenza…

 Veremos que acontece ao longo deste luns.

Sen réplica

Unha boa definición da política do ente federativo, que segue sen escoitar aos clubs da Costa, é a falta de opción á réplica durante o evento. Sabendo como estaba a cousa antes do sorteo, despois do convulso discurso, non houbo espazo para que os clubs alzasen a man e desen a súa opinión, e iso que varios levaban un discurso preparado para dicirlle as cousas claras. Porén tiveron que comerse o "tirón de orellas" sen poder responder.

Se ben só o Corme lle trasladara por escrito que as datas non lles parecía correctas (ían disputar 4 partidos, xogándose a Liga e as semifinais de Copa, en 7 días, despois de ter varias semanas de descanso por unha Selección Galega que nunca mira para a 3ª da Costa), era evidente que todos os clubs consideraban a proposta de calendario un erro, e o sorteo, que non foi tan “pomposo” como o masculino, senón unha reunión interna cos clubs, ben puido ter sido un espazo de acordo, de achegamento.

Esa é unha das moitas as críticas que teñen os responsables do fútbol feminino sobre o trato do ente federativo ao futfem costeiro, pois en moitas ocasións se sinten desapamparados. O feito de celebrar o sorteo a 20 de abril (o do masculino fíxose en outubro), nun evento sobrio e seco (o masculino é todo un evento xa social), sen unha formulación consensuada cos clubs, e sen datas fixas, son algunhas das queixas que lamentan os clubs.

Así queda o cadro

Comentarios