Sábado. 18.05.2024
El tiempo

As entidades de Bergantiños únense polo Anllóns

Xuntanza polo Anllons
As entidades de Bergantiños únense polo Anllóns

Interesante xuntanza a vivida esta pasada semana entre diversos representantes de entidades de Bergantiños de carácter veciñal, ambiental e cultural. A Xuntaza Polo Anllóns ten como obxectivo principal facer unha valoración do estado do río Anllóns e dos espazos da súa área de influencia, especialmente os incluídos en zona de Rede Natura e Z.E.C.

A rede creada queda formada inicialmente polos colectivos:

  • Asociación Salvemos o Noso (Soandres)
  • Asociación Cultural Adro de Vilaño
  • Asociación Cultural Mestra Carmen Cancela (A Brea)
  • Asociación Ambiental Senda Nova
  • Asociación Deportiva Media Ducia
  • Instituto de Estudos Bergantiñáns
  • Asociación Cultural e Recreativa Casino 1889.

Entre os parámetros a valorar foron o estado das augas, así como a afección dos polígonos eólicos, sobre todo no curso alto do río. Outra das cuestións a tratar foi o enfoque actual que se lle está dando as súas marxes, coa proliferación das sendas/pistas de zahorra e entullo, as plantacións de especies exóticas ata a carón da canle ou as pasarelas de madeira.

Todas coincidiron na importancia ambiental do río, así como a importancia paisaxística das áreas de ribeira, que temos que coidar e potenciar, así como o patrimonio cultural relacionado coa etnografía como outro dos valores fundamentais relacionados co río de Bergantiños, sobre todo muíños e pontes.

Por último, as entidades quixeron resaltar o valor social do río de Bergantiños, elemento máis importante de unión da comunidade bergantiñá, unha das comarcas mellor definidas do país.

Así, e lamentando a perdida continuada destes valores principais do espazo río Anllóns, as seguintes entidades de espazos e ámbitos diferentes do territorio e sociedade bergantiñá, suscriben o seguinte manifesto:

Manifesto en Defensa do Río Anllóns

VALORES IDENTIFICATIVOS DA COMUNIDADE

O RÍO ANLLÓNS, a maior arteria fluvial da comarca, mantén un valor de identificación de toda a comunidade bergantiñá, pois no seu percorrido de máis de medio cento de quilómetros, atravesa a parte central de Bergantiños e rega a maioría de concellos desta bisbarra, pasando por lugares emblemáticos como Gabenlle, a Cheda, Verdes, Santa Mariña do Remuíño, Anllóns, a Saímia ou a enseada da Insua, xa na súa desembocadura.

VALORES AMBIENTAIS

A nivel ambiental, o RÍO ANLLÓNS mantén os valores ecolóxicos na maioría do seu curso, nas diferentes partes do seu espazo fluvial:

  • 1. Na canle fluvial: a través da temperatura e calidade da auga.
  • 2. Na zona de ribeira: con ampla representación das especies arbóreas e non arbóreas autóctonas, fixando as marxes do río, osixenando a auga e regulando a temperatura da mesma.
  • 3. Na zona de influencia do río: espazos que o río inunda de forma periódica influíndo nestas áreas a través do aporte de sedimentos e regularizando o caudal e forza do mesmo en épocas de enchente.

VALORES PAISAXÍSTICOS

A paisaxe das beiras do Anllóns é extraordinariamente rica e permite camiñar polas marxes a través de camiños de terra, os máis valorados polos sendeiristas, agás aqueles tramos nos que se construíron sendas artificiais de zahorra ou de pasarelas de madeira.

VALORES ETNOGRÁFICOS

Os valores etnográficos do río están formados sobre todo por pontes e pontellas antigas e muíños de auga, espallados por todo o seu percorrido, mantendo conxuntos de grande interese como os da Cheda, Verdes ou a Saímia.

PROTECCIÓN LEGAL

Por todo o anterior patrimonio, o Anllóns recibe a máxima protección legal que temos na Costa da Morte. Deste xeito, á xa protección importante destes lugares, úneselle a declaración de LUGAR DE IMPORTANCIA COMUNITARIA DA REDE NATURA 2000 dende o ano 2004, sendo ademais ZEC ( LUGAR DE ESPECIAL CONSERVACIÓN) dende o ano 2014. Esta protección aféctalle a unha boa parte do percorrido fluvial E A ZONA DE INFLUENCIA.

CONCLUSIÓNS

A zona de influencia do RÍO ANLLÓNS acolle importantes espazos de interese ambiental e paisaxístico. Hábitat de numerosas especies de fauna e flora e tamén de importantes vestixios etnográficos. Ademais de ser un dos maiores símbolos de identidade da comarca e dos seus habitantes. Esta riqueza natural e cultural mantívose grazas a unha protección das súas áreas e a un afastamentos da intervención humana. Deste xeito, moitos espazos fluviais e, de xeito especial o Anllóns, son dos poucos lugares que conservan a paisaxe e os valores intactos, non obstante, actualmente córrese o risco de alterar eses valores orixinais a través de intervencións que sexan pouco respectuosas cun medio natural tan sensible como é un río e as súas marxes.

POR TODO O EXPOSTO ANTERIORMENTE, AS ENTIDADES OU PERSOAS QUE ASUMEN O CONTIDO DESTE MANIFESTO, SOLICITAMOS ÁS ADMINISTRACIÓNS RESPONSABLES DE DEFENDER ESTE VALIOSO PATRIMONIO:

  • 1. A vixilancia e intervención para que estes valores naturais e culturais non sufran ningún tipo de alteración, sendo especialmente coidadosos coa conservación da vexetación autóctona de ribeira, co coidado do patrimonio etnográfico e coa localización e intervención no caso de verquidos que afectan ás augas.
  • 2. Eliminar proxectos que alteren os valores do río como poden ser a construción de sendas de zahorra, entullo ou a base de pasarelas de madeira etc, que producen un grave impacto ambiental. Evitar a reposición deste material nos moitos lugares que o río e os seus afluentes o leven para a canle principal, coidando de que se restableza o chan orixinal. Para camiñar polas marxes do río son suficientes as sendas de terra como as que usan os pescadores. Evitar a reposición d material que, por estar na zona de influencia do río, acabará en moitos casos na propia canle.
  • 3. A desestimación de proxectos de parques eólicos que afecten ao curso do Anllóns e dos seus afluentes. Un exemplo deste impacto vémolo no nacemento do río.

Comentarios