Sábado. 18.05.2024
El tiempo

Carballo conciencia sobre a convivencia, o respecto aos animais e as adopcións

Cacas de Cans en Carballo
Os concelleiros de Medio Ambiente e Seguridade, Miguel Vales e Juan Seoane; o xefe da Policía Local, Pedro Cancela, e o alcalde, Evencio Ferrero, durante a presentación da campaña
Carballo conciencia sobre a convivencia, o respecto aos animais e as adopcións

Presentou o Concello de Carballo a campaña “En Carballo o teu can é un máis”, que ten como triple obxectivo fomentar a convivencia entre os distintos usuarios das rúas e os espazos públicos, velar polo cumprimento da lexislación en materia de dereitos dos animais e obrigas das persoas que os posúen e promover as adopcións.

Porque fai falta recordar que os cans teñen que ir atados, e no caso de razas consideradas potencialmente perigosas tamén con bozo; que hai que recoller os excrementos e que é obrigatorio telos identificados con microchip. 

Así o ratifican os datos municipais, que sinalan unha leve melloría pero con moito camiño por avanzar.

O abandono

Un problema grave é o abandono de mascotas. Nos 11 anos que leva en funcionamento a canceira municipal recolléronse 927 cans e 73 gatos, máis de 1.000 animais dos que só un 15% estaban identificados con microchip. Unha cuarta parte foron reclamados polos seus propietarios e un 28% foron adoptados, pero, aínda que só no que vai deste ano xa se rexistraron 8 adopcións, aínda hai 8 cans na instalación municipal e 42 aloxados no Hotel do Can: 50 animais en total cuxo mantemento supón para as arcas municipais máis de 350 euros ao día, sen contar gastos médicos e doutro tipo.

Aumento de vixilancia policial

A Policía Local afiará a vixilancia cun obxectivo informativo e corrector de posibles condutas incívicas. Os axentes, como explicou Pedro Cancela, intensificarán a súa presenza nas zonas nas que hai maior presenza de cans e comprobarán se teñen microchip, se levan correa ou bozo, e a persoa propietaria leva as bolsas obrigatorias para recoller os excrementos e se os animais están ben coidados. Os axentes repartirán folletos informativos que recollen normas básicas de convivencia e tamén dispensadores de bolsas con forma de óso a quen o precise. 

O alcalde fixo un chamamento “a respectar aos demais como a todos nos gusta que nos respecten” e á responsabilidade dos propietarios de mascotas de proporcionarlles os coidados axeitados. Evencio Ferrero, por outra banda, foi crítico coa lexislación que establece obrigas para as administracións locais sen dotalas de medios, o que “obriga a esforzos extraordinarios”, e insistiu en que “se todo o mundo cumpre, a sociedade gaña”. Por último, agradeceu a colaboración de clínicas e outros establecementos veterinarios no reparto do material informativo elaborado para esta nova campaña.


 

Comentarios